A segunda cita de ‘Este outono ven ao teatro’ trae unha comedia á Guarda
O venres 8 de novembro A Guarda presenta a segunda obra dentro da programación “Este outono ven ao teatro”. Trátase dunha comedia para o público adulto: “Cortello de amor”.
Defínese como unha comedia, moi galega, con retranca e sotaque que trata unha problemática actual como son os disparatados prezos dos alugueiros. Pero a crítica tamén deixa espazo ao humor.
A obra ten como protagonistas a Jack e Rose, que van a un concerto do seu artista favorito, Grande Amore, nunha praza céntrica a carón do seu piso. Logo dunha festa memorable que paraliza a cidade pola afluencia masiva de público, os membros do grupo non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack, fans incondicionais, non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite, e durmir eles dous no faiado.
Para saber como continúa este periplo, a obra comezará ás 21:00 horas no Centro Cultural da Guarda, este venres 8 de novembro.