A vida de Rosalía de Castro plasmada a través das fotografías de Xurxo Lobato na Guarda
A Casa dos Alonso acolleu o pasado sábado o acto de inauguración da Exposición “Airiños aires, Rosalía”, contando coa presenza do fotografo Xurxo Lobato e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, así coma o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes e máis de medio cento de asistentes.
“Airiños aires, Rosalía”, é unha mostra que supón unha viaxe a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro e na que o fotógrafo Xurxo Lobato rastrexa o peregrinar da escritora por distintos puntos da xeografía rosaliana tanto en Galicia como fóra dela.
A través das cincuenta imaxes de gran formato que ocuparán ata o 8 de marzo a Casa dos Alonso da Guarda, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade. “Airiños Aires, Rosalía”, permítenos emprender unha viaxe singular a partires das primeiras constancias da vida da escritora, como a pía de Santiago de Compostela onde recibiu o bautismo, localizada no Hostal dos Reis Católicos, para avanzar cara os seus referentes clásicos, o terreo rosaliano por excelencia: Compostela, Lestrobe, Padrón…, as Terras de Iria que en tantos poemas cantou. A Casa da Matanza, espazo senlleiro na vida de Rosalía e epicentro actual da cultura rosaliana, ocupa tamén un importante espazo nunha mostra que rexistra tamén reflexos máis fugaces da súa vida froito das súas estadías en Madrid e Simancas, seguindo os pasos profesionais do seu marido, Manuel Murguía. Na última parte da exposición,“Airiños Aires, Rosalía” distánciase dos emprazamentos físicos para atender as recreación artísticas desta icona da cultura galega. Desde figuracións clásicas en forma de retratos e esculturas, ata outras creacións máis apegadas á modernidade, que dan conta da profunda pegada que a autora deixou na nosa cultura e da continua reinterpretación que provoca a súa figura para adaptarse aos novos usos e costumes.
O autor da obra, Xurxo Lobato, fixo unha visita guiada aos asistentes da inauguración, explicando cada imaxe e indicando que é “a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela… E unha muller que tamén ama a natureza”.
O fotógrafo manifestou que “nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade”. E sinala que estas fotos “queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra”.
Xurxo Lobato é un fotógrafo galego nado no ano 1956 na Coruña e que ten publicado fotografías en numerosos medios e axencias de comunicación a nivel nacional e internacional, recibindo varios premios polo seu traballo de periodismo gráfico ou fotoperiodismo.
Anxo Angueira nado en Dodro no ano 1961 é un filólogo, escritor e estudoso da literatura galega e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro dende o ano 2012. É o autor de varios libros de diferentes xéneros como a narrativa, a poesía e o ensaio, destacando pola súa obra Pensa Nao(1999), pola que recebe o Premio Xerais na categoría de novelas. Na súa intervención valorou moi positivamente esta exposición e o traballo do fotografo para plasmar a vida e os lugares rosalianos, indicando a súa satisfacción por que, cada día, máis concellos “fagan súa” a Rosalía e ao seu legado.
A Exposición estará nos baixos da Casa do Alonso ata o 8 de marzo en horario de Luns a Venres de 8:00 a 15:00h e as fins de semana en horario de 11:00h a 14:00 e de 16:00h a 19:00h
Outras actividades en torno á figura de Rosalía de Castro na Guarda
Como en anos anteriores a Guarda terá moi presente a figura de Rosalía concentrando diferentes actividades abertas á participación cidadá para recordar a súa figura en torno a data de conmemoración do seu 183 aniversario, o 24 de febreiro.
A seguinte das actividades será a iniciativa Caldo de Gloria, que pretende involucrar ós bares e restaurantes na conmemoración deste día. Esta iniciativa, que xa se realizou o pasado ano na nosa localidade, enmárcase no chamamento xeneralizado que dende a Casa de Rosalía fan a todos os establecementos de Galicia, convidando ós mesmos a ofertar Caldo de Gloria nas súas cartas, menús ou como pincho de acompañamento, os días 22, 23 e 24 (sábado, domingo e luns, día de Rosalía) rememorando a receita que Rosalía recorda no poema “ Miña casiña, meu lar”. Os establecementos poden complementar esta iniciativa convidando ós seus clientes a recitar temas de Rosalía durante estes días. Os establecementos interesados na iniciativa poden anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario online: https://forms.gle/m9hiNX9rJTJE2TSYA
Pero non é ata o día 24 de febreiro que se conmemora en toda Galicia o Día de Rosalía, coincidindo co 183 aniversario do seu nacemento. Neste día, que nos coincide este ano co luns de entroido, terá lugar un sinxelo acto na Casa do Concello, no que convidamos á todo amante da obra de Rosalía a que se sume a unha lectura conxunta de poemas da autora. Será as 12h na Praza do Reló e todas as persoas interesadas en participar poden xa anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario online: https://forms.gle/1VUJVrt81bVPhzKc9
Por último revalidaremos a experiencia dixital Rosalía nas Redes, durante esta última semana de febreiro compartindo contido nas Redes sobre a vida e obra da autora. Todos aqueles que queiran achegarse á iniciativa poden crear e subir contido e etiquetando no facebook e twitter de @culturaguarda co hashtag #Rosalíate ou #Rosalíanasredes
Tag:A Guarda, cultura, Exposición