A Agrupación Musical da Guarda amenizará a última fin de semana de abril co ‘Concerto de Primavera’
Esta vindeira fin de semana a Agrupación Musical da Guarda quere convidar a todos ao seu Concerto de Primavera, co que A Guarda despedirá o mes de abril e dará a benvida ao mes das flores, das alfombras e da primavera por excelencia.
Este concerto celebrarase o sábado 29 de abril na Praza do Reló da Guarda e, en caso de tempo desapracible, na Casa dos Alonso. A velada dará comezo ás 20’30 horas e nela a Agrupación Musical da Guarda interpretará diferentes pezas musicais do seu repertorio nun acto que da comezo ás súas actividades de primavera-verán.
O Concello da Guarda, que colabora neste evento organizado pola Agrupación Musical da Guarda, tamén anima a tódolos veciños, veciñas e visitantes a achegarse ata A Guarda nesta ponte do Primeiro de Maio e aproveitar para desfrutar deste concerto.