Andaina e reforestación do Camiño Portugués da Costa co proxecto “O Camiño Aguárdate”
A pasada fin de semana realizouse na Guarda a primeira das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello guardés participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.
Nesta primeira actividade participaron máis de 50 persoas, tanto a veciños da Guarda, como da contorna, que fixeron un roteiro polo Camiño Portugués da Costa entre a zona da Pasaxe(Camposancos) e a ladeira do Monte Trega. En colaboración coa Asociación A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos os participantes puideron coñecer diferentes elementos patrimoniais e naturais desta etapa do Camiño Portugués da Costa, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación rematando a actividade cunha reforestación con especies autóctonas.
Posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas que convivían antigamente no Camiño como cereixeiras, nogueiras, freixos, olivos, cereixeiras ou castiñeiros. Esta prantación realizouse nos terreos cedidos para a ocasión pola Comunidade de Montes de Camposancos e ó remate da xornada serviuse unha pequena merenda coa que repór as forzas e comentar as experiencias do día, cunha valoración moi positiva por parte dos participantes.
Maís actividades
«O Camiño Aguárdate» continúa na Guarda cunhas Xornadas Divulgativas sobre o Camiño de Santiago e visitas teatralizadas.
As Xornadas Divulgativas “Falemos do Camiño”, que arrancan xa o 15 de febreiro cunha Andaina guiada entre A Pasaxe e a Praza da Guía, contarán coa participación de especialistas universitarios e do mundo empresarial co obxectivo de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución e atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila, realizaranse en 4 sesións entre febreiro e marzo de 2020.
As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.
A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.