As asociacións conviven e comparten experiencias na I Mostra Asociativa
A primeira edición da Mostra Asociativa guardesa celebrada o pasado sábado, 30 de setembro, acolleu no interior e a contorna do Centro Cultural a máis dunha vintena de asociacións da vila que aproveitaron a xornada para dar a coñecer o seu traballo e intercambiar ideas e experiencias entre elas.
Dende o Concello da Guarda desexamos amosar a nosa gratitude tanto ás asociacións participantes como a todas as persoas que se achegaron á mostra durante o día para gozar das actuacións, obradoiros, charlas e outras moitas actividades que se ofertaron dende a mañá e ata a noitiña.
As 24 asociacións participantes desta I Mostra Asociativa amosáronse moi satisfeitas, igualmente, pola visibilidade que acadou o seu traballo durante o día. Namentres as pistas se enchían de actuacións e demostracións, os expositores das asociacións guardesas atenderon a numerosas persoas interesadas polas actividades propias de cada unha delas.
O éxito desta primeira edición, con todo, non radica só no número de persoas que se achegaron e participaron dela, senón tamén no feito de que o encontro ofreceu o espazo idóneo para que as asociacións interactuasen, compartisen experiencias e acordasen novos proxectos en común.
É por isto que dende o Concello temos a vontade de continuar impulsando o asociacionismo, repetindo a experiencia da Mostra Asociativa, fomentando a visibilidade do tecido asociativo guardés e colaborando na coordinación de actividades conxuntas.