As nenas saharauís de ‘Vacacións en paz’ visitan o Concello da Guarda
Onte visitáronnos dúas nenas saharauís que viven estes meses de verán en casas de acollida temporal na Guarda. O programa Vacacións en Paz fai posible que estas nenas poidan vivir uns meses fóra dos campamentos de refuxiados saharauís.
As condicións do Sáhara endurécense ata niveis difíciles de soportar nos meses de xullo e agosto, con temperaturas que alcanzan os 50º á sombra, pero ademais o programa permite que as pequenas teñan unha oportunidade de coñecer unha nova cultura, un novo idioma, uns novos costumes… Algo vedado para elas en condicións normais, tendo en conta da escaseza de recursos económicos de que dispoñen e aproveitan para que poidan ser revisados a través de exames médicos, o que permitirá incrementar as opcións dun desenvolvemento físico saudable.
Os beneficios que obteñen os nenos e nenas saharauís son numerosos. A súa saúde mellora, a súa vitalidade tamén, poden gozar dun clima máis benigno, dunha mellor alimentación non limitada polas condicións extremas do deserto, establecen relacións de amizade con nenos e nenas españois e fortes vínculos coa familia de acollida.
Dende o Concello agardamos aumentar a futura colaboración con este programa con fin humanitario, e cuxos obxectivos, importancia e funcionamento explicáronnos hoxe as familias de acollida guardesa. A información do programa está dispoñible na súa páxina web.