Bases de selección para a contratación dun/unha profesor/a de gaita no Conservatorio
O obxecto das presentes bases é proceder á selección de persoal para a súa contratación laboral, temporal e a tempo parcial, en réxime de interinidade, para impartir clases no Conservatorio do Concello da Guarda da materia e instrumento que a continuación se menciona: gaita (15 horas semanais – suxeito a variacións en función do número de matriculados). A duración do contrato estará subordinada á situación de excedencia da traballadora substituida (estimada en 1 ano).
CARACTERÍSTICAS DO POSTO DE TRABALLO
A persoa contratada desempeñará este posto en réxime de interinidade subordinada á situación de excedencia da súa titular, e deberá prestar os seus servizos a tempo parcial, en horario a determinar pola concellería de Cultura, segundo as necesidades do servizo, cunha xornada de 15 horas semanais, podendo comprender xornada de mañá e/ou tarde. Este horario pode sufrir modificacións en función das necesidades do servizo.
As funcións a desenvolver pola persoa seleccionada serán a impartición das materias de gaita e outras que considere o Equipo Directivo do Conservatorio da Guarda, relacionadas co posto.
As retribucións serán de 1.089,98 € brutos/mensuais en 14 pagas/anuais. Estas retribucións sufrirán variacións no caso de modificar a xornada de traballo.
REQUERIMENTOS DOS ASPIRANTES
1.- Ter nacionalidade española, sen prexuízo do disposto no artigo 57 do Real Decreto Lexislativo 5/2015,de 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.
2.-Posuír capacidade funcional para o desempeño das tarefas.
3.-Ser maior de dezaseis anos, e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.
4.-Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das Administracións Públicas, órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas, nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas de conformidade co disposto no artigo 56.1 do Real Decreto Lexislativo 5/2015,de 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.
5.-Non estar incurso en causas de incompatibilidade,de conformidade co establecido na Lei 53/1984, do 26 decembro, de Incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas
6.- Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual. (As persoas que resulten seleccionadas, deberán aportar, previa á contratación, unha certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais, ou autorizar expresamente ó Concello para a súa solicitude).
7.-Estar en posesión do Título superior de música (plan de estudos LOXSE) na especialidade de instrumentos de música tradicional e popular.
PROCESO DE SELECCIÓN: Concurso – Oposición.
FASE DE OPOSICIÓN: (puntuación máxima nesta fase 10 puntos).
a) Primeiro exercicio: Obrigatorio e eliminatorio de carácter práctico.
Consistirá na interpretación dun programa de concerto para gaita elixido polo aspirante que inclúa dúas ou máis obras de diferentes estilos representativos da literatura do instrumento (Mínimo 20 minutos) valorándose a calidade de interpretación e dificultade do mesmo. O candidato interpretará as obras ou fragmentos que o Tribunal seleccione do devandito programa. No caso de que o programa presentado polo aspirante requira da participación dalgún tipo de acompañamento musical, este correrá a cargo do aspirante á praza. O candidato entregará ao Tribunal, xusto antes da realización da proba, polo menos dúas copias do repertorio escollido para a súa valoración.
Esta proba cualificarase de 0 a 5 puntos, sendo de carácter eliminatorio, xa que os aspirantes deben obter, polo menos, unha cualificación de 2,5 puntos.
b)Segundo exercicio: Obrigatorio e eliminatorio de carácter práctico.
Consistirá en desenvolver un suposto práctico de impartición dunha clase de gaita a un alumnado ficticio. Este exercicio cualificarase de 0 a 4 puntos, sendo necesario para superalo un mínimo de 2 puntos.
c)Terceiro exercicio: Obrigatorio e non eliminatorio.
Rematado o exercicio anterior e nesta mesma sesión, realizarase unha proba de coñecemento de lingua galega que consistirá na tradución dun texto de castelán a galego, determinado polo tribunal inmediatamente antes da realización do mesmo e que se valorará puntuarase de 0 a 2, sendo este exercicio de carácter obrigatorio pero non eliminatorio.
Estarán exentos da realización deste exercicio os aspirantes que acrediten posuír o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, aos que se lles asignarán 2 puntos.
FASE DE CONCURSO: (puntuación máxima de 4 puntos).
En primeiro lugar o tribunal procederá a avaliar os méritos conforme o seguinte baremo:
1) Experiencia docente: 0,10 puntos por mes completo coma profesor de gaita ata un máximo de 1,50 puntos. Tan só puntuará as clases realizadas en Conservatorios Profesionais, sendo necesario acreditar tal circunstancia cunha copia do correspondente contrato e vida laboral. As fraccións inferiores ao mes non se computarán.
2) Títulos oficiais superiores relacionados coa materia do contrato, 0,50 puntos por título, ata un máximo de 1 punto.
3) Coñecemento de galego:Coñecemento de lingua galega, ata un máximo de 0,50 puntos, de conformidade co seguinte baremo:
-Certificado de CELGA 1 ……………………………………………………………. 0,10 puntos.
-Certificado de CELGA 2 ……………………………………………………………. 0,20 puntos.
-Certificado de CELGA 3 ou iniciación …………………………………………… 0,30 puntos.
-Certificado de CELGA 4 ou perfeccionamento …………………………………0,40 puntos.
-Certificado de CELGA 5 ou cursos de especialización de galego ………. 0,50 puntos.
Unicamente valorarase o curso de maior puntuación acreditado.
4) Cursos relacionados coas materias do contrato (só puntuarán os cursos de máis de 19 horas acreditadas), ata un máximo de 1 punto.
-Cursos de 20 a 50 horas, 0,10 puntos por curso.
-Cursos de 51 a 100 horas, 0,20 puntos por curso.
-Cursos de 101 a 200 horas, 0,40 puntos por curso.
-Cursos de máis de 201 horas, 0,50 puntos por curso.
Con carácter xeral especificase que só se valorarán os cursos e méritos relacionados con instrumentos ou materias que sexan as propias ás que se aspira a dar clases impartidos polas Administracións Públicas, Sindicatos, Universidades, Conservatorios, Servizo Público de Emprego ou Colexio Profesional e relacionados coas funcións a desenvolver, a xuízo do Tribunal. Non serán valorables as xornadas, seminarios, encontros, conferencias, premios, concursos e demais actos que non teñan un carácter especificamente docente. Os cursos nos que non apareza recollido o número de horas, non serán valorados.
PRESENTACIÓN DE INSTANCIAS
Unha vez aprobadas as presentes bases, a convocatoria publicarase no Taboleiro de anuncios da sede electrónica (aguarda.sedelectronica.gal) do Concello, na páxina web do Concello, e un estracto no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, podendo presentar os interesados as súas solicitudes durante 7 días hábiles, dende o día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín oficial da provincia de Pontevedra. As solicitudes para a participación no presente proceso selectivo presentaranse no modelo ANEXO 2 de instancia de presentación, e que deberá estar asinada en bolígrafo de cor azul, no Rexistro Xeral do Concello de A Guarda en horario de 9 a 14, horas os días hábiles. Poderanse tamén presentar de conformidade co disposto no artigo 16.4º da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e de presentarse noutros rexistros, deberá enviarse copia da solicitude na que aparece o rexistro de entrada do organismo no que foi presentada, por fax ao número 986 61 02 83, o mesmo día da súa presentación.
Nas instancias solicitarase presentarse ao proceso selectivo do posto de traballo correspondente, facéndose constar que se reúnen, con referencia á data na que expire o prazo de presentación de solicitudes, os requisitos esixidos nas presentes bases. Xunto á instancia achegaranse os seguintes documentos:
*Copia cotexada do DNI.
*Copia cotexada da titulación esixida.
*Copia cotexada do certificado oficial acreditativo do nivel Celga 4 de coñecemento da lingua galega, aos efectos de quedar exento da realización da proba de galego.
*Declaración (ANEXO 3), asinada en bolígrafo de cor azul, de posuír capacidade funcional para o desenvolvemento das tarefas, e declaración de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas, órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas, nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas de conformidade do disposto no artigo 56.1 do RDL 5/2015, do 15 de outubro. Declaración de non estar incurso en causas de incompatibilidade, de conformidade co establecido na Lei 53/1984, do 26 decembro, de Incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas
Coa solicitude, deberá aportarse a documentación acreditativa dos méritos alegados, debidamente compulsados, puntuando tan só os que máis abaixo se indican.
PUBLICIDADE DA LISTAXE DE ADMITIDOS
Rematado o prazo de presentación de solicitudes publicarase unha resolución na que se aprobará a listaxe provisional de admitidos e excluídos. Dita resolución será definitiva de non haber excluídos, e será exposta no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de A Guarda (aguarda.sedelectronica.gal) e, de forma complementaria, publicarase na páxina Web do Concello de A Guarda (www.aguarda.es), e no taboleiro físico do Concello relacionándose os aspirantes excluídos coa indicación da causa de exclusión.
Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de tres días hábiles para reclamacións e corrección das deficiencias sinaladas. Estas reclamacións e correccións serán aceptadas ou rexeitadas na resolución que aprobe a lista definitiva, que publicarase na mesma forma. Nesta resolución incluirase, o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios. Contra a resolución na que se declare a exclusión definitiva do aspirante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que ditou o acto, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante a Xurisdición Contencioso-Administrativa, contados a partir do día seguinte da publicación no Taboleiro de anuncios da sede electrónica (aguarda.sedelectronica.gal) do Concello de A Guarda.
MEMBROS DO TRIBUNAL
O Tribunal Cualificador estará formado por un presidente, un secretario e tres vogais. En ningún caso os membros do tribunal cualificador poderán ser funcionarios interinos, persoal eventual ou persoal de elección ou designación política. Cada membro do tribunal terá o seu suplente. Os titulares e suplentes serán nomeados polo Alcalde cando se dite a resolución pola que se aproba a lista definitiva de admitidos ao proceso selectivo.
O Tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.
O Tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que estimen pertinentes, limitándose ditos asesores unicamente a prestala súa colaboración nas súas especialidades técnicas.
A actuación do Tribunal rexerase polo disposto nas presentes bases e na Lei 39/2015 do procedemento administrativo común.
Os membros dos Tribunais que actúen nestas probas selectivas terán dereito a percibir as indemnizacións correspondentes, conforme ó establecido no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, e lexislación complementaria.
Así mesmo, os interesados poderán recusar aos membros do Tribunal cualificador, no prazo de tres días naturais dende a publicación da súa composición, cando, ao seu xuízo, concorra neles algunha das circunstancias previstas no artigo 23 Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.
Os tribunais de cada proceso selectivo quedan facultados para a interpretación das bases da convocatoria, así como para resolver cantas dúbidas e incidencias presente a súa aplicación; para estes efectos poderá adoptar os acordos necesarios procurando a boa orde e desenvolvemento do proceso selectivo, podendo as súas resolucións ser recorridas en alzada ante o concelleiro de goberno competente en materia de persoal, de acordo co precisado no artigo 121.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro , de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
CUALIFICACIÓN FINAL
Logo da valoración dos méritos alegados e das probas realizadas polas persoas aspirantes, o Tribunal publicará a listaxe provisional das puntuacións acadadas. Dita listaxe será exposta no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de A Guarda (aguarda.sedelectronica.gal) e, de forma complementaria, publicarase na páxina Web do Concello de A Guarda (www.aguarda.es),, e no taboleiro físico do Concello.
As persoas relacionadas na listaxe anterior, disporán de tres días hábiles para presentar alegacións ás valoracións da listaxe provisional, nas mesmas condicións que indican estas bases no seu punto 5 para a entrega da documentación das solicitudes. Esta listaxe, será definitiva, de non presentarse alegacións á mesma no prazo indicado.
Estas alegacións serán aceptadas ou rexeitadas polo Tribunal, na listaxe definitiva que se publicará na mesma forma indicada, e que se publicará mediante anuncio no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de A Guarda (aguarda.sedelectronica.gal) e, de forma complementaria, publicarase na páxina Web do Concello de A Guarda (www.aguarda.es), e no taboleiro físico do Concello
En caso de empate nas puntuacións, a orde establecerase atendendo aos seguintes criterios:
*-primeiro: a maior puntuación obtida na fase de oposición
*-segundo: a maior puntuación obtida na valoración dos méritos da fase de concurso
*-terceiro: de persistir o empate, resolverase por sorteo
No caso de quedar deserto o proceso selectivo por non superar ningunha persoa aspirante a proba ou por non presentarse ninguén á mesma, o alcalde queda autorizado a convocalo novamente cantas veces fose necesario, de conformidade coas presentes bases.
CONTRATACIÓN DA PERSOA SELECCIONADA
No prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da Resolución do alcalde para a contratación da persoa proposta polo Tribunal, a persoa relacionada deberá presentar a documentación acreditativa dos requisitos sinalados nestas bases para acceder ó posto de traballo.
A persoa proposta, deberá realizar, antes do comezo da relación laboral, o preceptivo curso de prevención de riscos laborais e entregar un certificado médico que acredite a súa condición de apto/a para o desenvolvemento das funcións do posto, perdendo os seus dereitos se así non o fixeran.
No caso de que a persoa seleccionada no reunise os requisitos necesarios para a contratación, poderá ser substituída polas seguintes da relación do proceso selectivo por orden de puntuación de maior a menor.
LISTAXE DE RESERVA E VIXENCIA
A listaxe coa totalidade dos aspirantes que superaron o proceso selectivo e puntuación acadada, poderá ser utilizada como listaxe de reserva. Que poderá utilizarse cubrir a praza en situacións de renuncia voluntaria, procesos de incapacidade temporal, maternidade ou calquera circunstancia.
A lista de reserva que se crea con este proceso para cubrir a praza de profesor/a de gaita no Conservatorio Elemental de A Guarda será confeccionada por orde de maior a menor puntuación, será sometida á aprobación do Sr. Alcalde. A resolución do Alcalde e as listas de reserva serán expostas no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de A Guarda (aguarda.sedelectronica.gal) e, de forma complementaria, publicarase na páxina Web do Concello de A Guarda (www.aguarda.es), e no taboleiro físico do Concello para coñecemento dos interesados e demais efectos legais.
Aos efectos de notificacións e publicacións relacionados co procedemento de selección regulado nas presentes bases reguladoras (tanto as resolucións do Alcalde, como os anuncios do tribunal cualificador), se procederá mediante a publicación no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de A Guarda (aguarda.sedelectronica.gal) e, de forma complementaria, publicaranse na páxina Web do Concello de A Guarda (www.aguarda.es),.
En todo caso, os prazos referidos nos diferentes apartados das presentes bases reguladoras, computaranse desde o momento da publicación da resolución ou anuncio correspondente no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de A Guarda (aguarda.sedelectronica.gal) e, de forma complementaria, publicarase na páxina Web do Concello de A Guarda (www.aguarda.es), e no taboleiro físico do Concello, sen prexuízo da publicación das presentes bases no boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
A lista de espera elaborada terá unha duración ata a data de finalización do contrato ou de menos no caso de que houbese un novo proceso selectivo para a cobertura desta praza, momento a partir do cal esta lista deixaría de ter vixencia.
FUNCIONAMENTO DA LISTAXE DE RESERVA
Cando sexa necesario utilizar a listaxe de reserva e proceder aos correspondentes chamamentos ofertarase ao primeiro da lista que estea pendente de chamar, enviándolle correo electrónico e dándolle un prazo de 48 horas para que acepte ou renuncie ao ofertado, así mesmo tentarase comunicar por telefono coa finalidade de acurtar os prazos. Se non contestase ó correo electrónico equivalerá á renuncia ao ofertado e procederase a chamar ao seguinte da lista.
Cando se produza o cesamento dun integrante da lista, este reincorporarase ao posto da lista que lle corresponda por puntuación.
RENUNCIAS
Con carácter xeral, a non aceptación ou renuncia a unha cobertura dará lugar as seguintes medidas:
— Primeira renuncia: Seis meses de exclusión.
— Segunda renuncia: Pase o final da listaxe de reserva.
— Terceira renuncia: Exclusión definitiva da lista.
EXCLUSIÓNS DEFINITIVAS
Procederase a exclusión definitiva da lista de reserva a aquelas persoas que:
– Unha vez que sexan contratadas renuncien ou extingan voluntariamente o seu contrato por calquera causa.
– Renuncien por terceira vez o chamamento para a súa contratación.
PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN ACREDITATIVA DO CUMPRIMENTO DOS REQUISITOS ESIXIDOS PARA ACCEDER O POSTO UTILIZANDO A LISTAXE DE RESERVA.
Cando se tramite o expediente de chamamento do aspirante, no prazo dos 3 días hábiles seguintes a aquel en que se lle requira, presentará no Rexistro Xeral do Concello de A Guarda os documentos que se especifican seguidamente:
A) Copia autenticada ou fotocopia compulsada do título esixido no artigo 3º, ou do xustificante de ter aboados os dereitos para a súa expedición.
B) Declaración xurada de non estar separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das Administracións Públicas, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas por sentencia firme.
C) Fotocopia da cartilla da S.S.
D) Nº de conta bancaria co número IBAN completo.
E) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico que imposibilite o normal exercicio da función.
Tag:Conservatorio, Gaita, Oposicións, Profesorado