O Concello contrata a 18 novos traballadores con cargo ao Plan Concellos 2018
O Concello da Guarda recibe nestes días aos 18 novos traballadores temporais contratados con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.
Os novos empregados realizarán tarefas para a conservación e o funcionamentos de bens e servizos municipais durante unha media de 9 meses. Nesta liña, o Concello xa conta con dous axudantes para a recollida do lixo, dous varredores, tres peóns forestais, un oficial e un axudante de albanelería, unha técnica de turismo e un auxiliar no Centro Cultural.
Nos próximos días, incorporáranse aos seus postos un técnico de informática, un técnico de medio ambiente, o persoal para a limpeza das praias (4) e un conserxe para o Castelo de Santa Cruz. A contía da axuda provincial é de 164.699,59 euros.
Liña 3 do Plan Concellos 2018
As subvencións para a contratación laboral temporal enmárcanse na Liña 3 (Emprego par a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais) do Plan Concellos 2018, pola que se regula a convocatoria pública de axudas e subvencións destinadas a financiar a prestación de servizos mínimos de competencia municipal, de interese xeral e social, mediante a contratación de persoas desempregadas.