O Concello convida ás asociacións guardesas a participar no decorado urbano de Nadal
“Decora o teu Nadal” é o nome da iniciativa, cuxo obxectivo pasa por embelecer os espazos públicos con creacións artísticas representativas de cada unha das asociacións participantes.
O Concello da Guarda promove dende hai uns anos a iniciativa “Decora o teu Nadal”, coa que se anima ás distintas asociacións da Guarda a participar na decoración urbana con temática propia do Nadal en distintos puntos da vila.
Segundo explica o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, esta actividade busca “facer entender a nosa vila como un espazo de expresión artística que a xente sinta como propio, ofrecendo a posibilidade de actuar sobre el para embelecelo”. Búscase, amais de embelecer e caracterizar o entorno, fomentar o traballo en equipo e unir ás distintas asociacións traballando nun mesmo obxectivo.
Cada unha das asociacións participantes terá asignado un espazo público, que deberá decorar principalmente con materiais de refugallo, non contaminantes e resistentes ao exterior. O Concello poderá outorgar axudas económicas para a adquisición de material se estas son estritamente necesarias e sempre que se respecte a filosofía da iniciativa, dando prioridade á utilización de materiais de refugallo.
As asociacións interesadas deberán confirmar a súa participación antes do día 8 de novembro, acudindo á casa do concello, chamando o teléfono 986 610 000 ou ben mediante correo electrónico á dirección cultura@aguarda.es. O día 10 de novembro comunicaráselle a cada unha das asociacións o punto que poderá decorar, acción que poderán levar a cabo entre os días 4 e 11 de decembro.