Concello e comerciantes guardeses avalían a campaña de Nadal
O pasado mércores día 29 de xaneiro de 2020, máis dunha vintena de comerciantes guardeses, xunto con representantes das Asociacións de empresarios ACIGU e Mercaguarda, participaron nunha reunión convocada dende o Departamento de Desenvolvemento Local.
A Concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez, quixo comprobar de primeira man os resultados da pasada Campaña de Nadal 2019/20 de cara a avaliar os resultados e as repercusións sobre o tecido comercial da vila.
Unha reunión aberta con moita participación na cal se recabaron multitude de propostas e ideas para continuar na senda de dinamización do comercio da vila, cunha valoración xeral positiva, sempre con aspectos a mellorar.
Tal e como indicou Fátima Rodríguez “A implicación e participación dos empresarios e comerciantes da vila é fundamental” para concretar accións que repercutan directamente sobre os negocios da vila, e é por esta razón que se convoca novamente a unha reunión de seguimento o vindeiro mércores día 12 de febreiro ás 20:45h na Casa dos Alonso, de cara a analizar os resultados das enquisas realizadas, propoñer unha estratexia a seguir, así coma as oportunidades existentes co Camiño de Santiago e o ano santo 2021.
Quedan convocados novamente deste xeito todos os empresarios e comerciantes da Guarda o mércores día 12 de febreiro ás 20:45h na Casa dos Alonso.