Dani Delacámara, pregoeiro da XXVI Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira da Guarda
A Guarda xa está ultimando os detalles para a próxima semana na que terá lugar a 26ª edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, unha celebración gastronómica de referencia en toda Galicia e norte de Portugal.
A Guarda xa está ultimando os detalles para a próxima semana na que terá lugar a 26ª edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, unha celebración gastronómica de referencia en toda Galicia e norte de Portugal.
Entre os pratos fortes desta Festa, que terá lugar os días 1,2 e 3 de xullo na carpa que se disporá no Porto da Guarda, está o seu pregoeiro. Este ano o elixido para dar o pistoletazo de saída a esta celebración é o coñecido humorista Dani Delacámara, polo que volve o humor á Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira e como en edicións anteriores será un humorista recoñecido o encargado de dar comezo a esta festa gastronómica. O guionista e cómico é un dos humoristas máis prestixiosos de España e rostro habitual de El Club de la Comedia e Comedy Central, ademais de ter sido recoñecido polos seus monólogos e imitacións coa Antena de Oro e o Micrófono de Oro.
A lectura do pregón terá lugar o venres 1 de xullo na Praza do Reló ás 21 horas e irá precedida pola actuación da Agrupación Musical da Guarda. O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, abrirá o acto para presentar esta nova edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira e dar paso ao citado pregoeiro.
Unha vez rematado o pregón os asistentes dirixiranse ó Porto da Guarda para así proceder á apertura da carpa da XXVI Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. Ás 22,30 horas Dani Delacámara subirá ó escenario da carpa dende onde ofrecerá o seu recoñecido monólogo “Humor en defensa propia”. Este primeiro día de festa pecharase coa actuación da orquestra FUTURO, pero a festa seguirá os días 2 e 3, dende a mañá á noitiña, no Porto da Guarda.