A Guarda celebra o Día Mundial do Teatro este 27 de marzo
“Supéndese a función” é unha obra de teatro baseada no libro de Fernando Lananas “Se suspende la función” interpretada polas nenas e nenos de 6º curso de E.P. do CEIP Manuel Rodríguez Sinde que será presentada o próximo xoves 26 de marzo ás 20:00h no Centro Cultural con motivo da celebración do Día Internacional do Teatro. “… Non se vos ocorra confundirvos de teatro, eh? …”.
Ademais, a asociación FOCO celebrará o vindeiro 27 de marzo ás 19:00 o Día Mundial do Teatro no Centro Cultural da Guarda cun evento aberto ao público que combinará reflexión, participación e mostra do traballo que están a desenvolver os participantes nos grupos de teatro. A proposta consistirá na presentación dunha serie de trailers escénicos das distintas pezas teatrais que os grupos que participan en FOCO están a crear ao longo deste curso e que se mostrarán en xuño.
As persoas participantes, organizadas por grupos de idade (6 a 12 anos, 13 a 17, 18 a 30 e maiores de 60) compartirán pequenas mostras dos seus procesos creativos. Ademais, a actividade
incluirá entrevistas ás participantes, presentación de iniciativas teatrais europeas e outras propostas pensadas para achegar o teatro á comunidade. Como peche da xornada, realizarase unha lectura dramatizada do manifesto oficial do Día Mundial do Teatro. Cada ano, o Instituto Internacional do Teatro, dependente da UNESCO, encarga a unha creadora ou creador teatral a redacción dun texto sobre a importancia do teatro na sociedade, que se le de maneira simultánea en celebracións de todo o mundo: este ano o texto está elaborado polo actor e director estadounidense Willem Dafoe.
Con esta iniciativa, FOCO busca visibilizar o teatro como ferramenta de aprendizaxe, expresión e encontro interxeracional, así como abrir á comunidade o traballo educativo e artístico que a entidade desenvolve ao longo do ano. Convidamos á veciñanza a asistir e compartir este momento festivo: un espazo aberto para coñecer os procesos creativos, apoiar ás participantes e celebrar
colectivamente o teatro. O evento será de acceso libre ata completar capacidade



