A mostra de esculturas «Nado en pedra» chega mañá ao Castelo de Santa Cruz
A partir de mañá, 23 de marzo, o Castelo de Santa Cruz acollerá nos seus xardíns a exposición de escultura «Nado en pedra», realizada polo alumnado da Escola de Cantería de Pontevedra.
A inauguración oficial da colección celebrarase este sábado, 24 de marzo, contando coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba.
A mostra itinerante componse de 18 pezas escultóricas de gran tamaño talladas en granito polos alumnos da escola, nas que se representan oficios tradicionais e máis senlleiros da nosa terra, como o de ferreiro, costureira ou canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá co trasfondo da emigración.
A colección ó ar libre permanecerá na fortaleza guardesa ata o 2 de maio, co obxectivo de resaltar a formación que se imparte no centro, dependente da Deputación provincial, e revalorizar o tradicional oficio da cantería.