Este sábado as Festas do Monte estarán presentes na rede a través dun Magazine Especial
O Concello da Guarda, nunha decisión tomada en consenso coa Comisión de Festas e as Bandas Mariñeiras, decidiu suspender este ano as Festas do Monte ante a situación provocada pola pandemia do Covid-19 e, como xa se anunciou en datas pasadas, este ano non se realizarán verbenas, desfiles, romarías nin fogos artificiais, ante as medidas de seguridade hixiene e saúde pública decretadas.
Nunha acción, destinada a por en valor e recoñecer as tradicións propias das Festas do Monte, o Concello da Guarda vai a realizar na xornada deste sábado día 8 de agosto o “Magazine Especial – Festas do Monte 2020”, un evento online que se poderá seguir en directo a través das redes sociais do Concello da Guarda e das webs municipais www.aguarda.es e www.turismoaguarda.com.
Este “Magazine Especial – Festas do Monte 2020” arrancará ás 11:00h e, cunha duración aproximada de dúas horas, abordará diversas temáticas das Festas do Monte, contando con entrevistas, proxeccións de vídeos de pasadas edicións, montaxes fotográficas, actuacións musicais e moito máis.
O Magazine Especial – Festas do Monte 2020” estará dirixido polo locutor Jose Font e contará, entre outras intervencións, coa presencia do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; do representante da Comisión das Festas do Monte, Manuel Castro; do historiador local J. Miguel Villa; do persoeiro local José Antonio Uris Guisantes; do Presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla; do cantautor Tino Baz, entre outras personalidades.
O “Magazine Especial – Festas do Monte 2020” abordará temas propios da tradición das nosas festas, nunha mestura co ocio, a historia e as celebracións familiares vencelladas ás festas.
No apartado musical contarase coas actuacións de Tino Baz e do Grupo de Gaitas da Terceira Idade, ademais das proxeccións de vídeos, documentais e programas de TV emitidos sobre as Festas do Monte.
Agárdase que este evento online sexa seguido por milleiros de persoas ao longo de todo o mundo, nun formato adecuado á situación actual e que sirva xa de antesala para as vindeiras Festas do Monte, Festas de Interese Turístico de Galicia, que se celebrarán do 9 ao 16 de agosto de 2021.