Exposición “Mulleres galegas na Historia” no Centro Cultural da Guarda
A Sala I de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle, ata o día 30 de xuño, a mostra “Mulleres Galegas na Historia”, que pode ser visitada en horario de 9 a 14 horas.
A Sala I de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle, ata o día 30 de xuño, a mostra “Mulleres Galegas na Historia”, que pode ser visitada en horario de 9 a 14 horas.
Trátase dunha exposición na que se poderán ver imaxes e coñecer máis da biografía dalgunhas das mulleres máis importantes e singulares que marcaron a historia do noso país.
Entre as presentes nesta exposición atópanse 17 das mulleres máis destacadas en diferentes ámbitos, como a cultura ou a política, ao longo da historia de Galicia. Por resaltar algúns nomes, entre as biografías homenaxeadas están presentes figuras tan coñecidas como a poetisa Rosalía de Castro, escritora de “Cantares Galegos” e “Follas Novas”, dúas das obras cumbre da literatura galega; María Pita, heroína coruñesa que se fixo célebre pola súa participación na defensa da cidade fronte a unha flota inglesa comandada por Drake en maio de 1589; a destacada avogada e feminista do século XIX Concepción Arenal ou a icona da belle époque europea La Bella Otero.
Tamén están presentes na exposición figuras menos coñecidas pero igualmente salientables como a soldadeira medieval e muller transgresora María Balteira; a mestra pioneira Ernestina Otero; Julia Minguillón, única muller que obtivo a primeira medalla de Primeira Clase nunha Exposición Nacional de Belas Artes; María Castaña, de quen se di que encabezou unha revolta contra o señor feudal, frei Pedro López Aguiar, no século XIV ou a autora do primeiro texto moderno feminista, Emilia Pardo Bazán. A lista continúa cos nomes de Inés de Castro, María Soliña, Maruja Mallo, Xela Arias, Enriqueta Otero, María Casares, María Antonia Dans e Filomena Dato, todas elas pezas fundamentais da nosa historia.
Dende O concello da Guarda convídase a todos os guardeses, as guardesas e visitantes doutras vilas que queiran achegarse a que non deixen pasar a oportunidade de coñecer un pouco máis da nosa historia da man dalgunhas das mulleres que axudaron a escribila.