Francisco Álvarez Koki presenta o seu libro “Ratas en Manhattan” este venres na Casa dos Alonso
O autor guardés Francisco Álvarez Koki presenta este venres o seu novo libro “Ratas en Manhattan”. O escritor galego, residente en Nova York, ten xa unha longa traxectoria de publicacións tanto en galego como en castelán.
Ademais tamén tocou diferentes xéneros, como a poesía e a narrativa e contribúe coa difusión da cultura galega en Nova York co colectivo Celso Emilio Ferreiro que el mesmo fundou.
Agora, Koki presenta unha nova obra en galego onde reúne dezaoito relatos que mostran a cara B do soño americano. Trata temas como: a batalla pola dignidade, o fracaso, as burlas e os azares do destino.
Para esta ocasión especial, contará coa compañía doutros dous escritores galegos: Ramón Caride cunha frutífera e premiada traxectoria, sobre todo en literatura infantil e xuvenil, e Marta Dacosta, poeta en lingua galega.
Este venres ás 20:00 horas na Casa dos Alonso agardámosvos na presentación do libro “Ratas en Manhattan” do escritor guardés Francisco Álvarez Koki.