A Guarda homenaxeará aos fundadores do Hospital Casa-Asilo no centenario da súa xuntanza
O Concello da Guarda organiza este sábado, 27 de xaneiro, un acto conmemorativo con motivo do centenario da constitución da Xunta Organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, edificio que na actualidade serve de Centro Cultural.
O acto comezará ás 20:30 horas co descubrimento dunha placa no busto de Avelino Vicente, impulsor da iniciativa para a construción do edificio, fronte a entrada do Centro Cultural.
Deseguido, o historiador Joaquín Miguel Villa ofrecerá un relatorio sobre o labor da Xunta Organizadora Pro Hospital Casa-Asilo, formada o 17 de xaneiro de 1918 en San Juan de Puerto Rico por oito emigrantes guardeses que, sabedores das necesidades sanitarias e de atención dos seus compatriotas, decidiron impulsar a creación dun complexo sanitario benéfico na vila guardesa.
O edificio de estilo indiano construiuse entre os ano 1921 e 1932, e mantivo actividade sanitaria ata 1990, cando foi remodelado para acoller o Centro Cultural da Guarda, sen alterar a esencia do emblemático edificio, legado do altruismo dos emigrantes guardeses.