Inauguración e apertura ó público do Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz da Guarda
Por fin chegou o día. Este venres día 8 de xullo, ás 12h do mediodía, o Castelo de Santa Cruz acolleu a inauguración e apertura ó público do seu Centro de Interpretación, tras anos de obras e a rehabilitación do conxunto, este proxecto, froito da ilusión e de duro traballo ve a luz.
Por fin chegou o día. Este venres día 8 de xullo, ás 12h do mediodía, o Castelo de Santa Cruz acolleu a inauguración e apertura ó público do seu Centro de Interpretación, tras anos de obras e a rehabilitación do conxunto, este proxecto, froito da ilusión e de duro traballo ve a luz.
A este importante acto acudiron numerosas autoridades como o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Turismo, Montse Magallanes; o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo; a concelleira de Servizo Sociais Mª Teresa Vicente; o Xefe Territorial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, César Pérez Ares e o deputado provincial de Cooperación pola Deputación de Pontevedra, David Regades.
Durante a inauguración deste Centro de Interpretación houbo numerosos momentos para o agradecemento. Na súa intervención o alcalde da Guarda quixo destacar a labor dos anteriores rexidores e do concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo, cuxo incansable traballo na busca de apoios fixo posible que chegara este día. Ademais, quixo recoñecer a labor da arqueóloga Rebeca Blanco, encargada da musealización do Centro e experta en fortificacións que traballou con pasión neste proxecto sentíndollo como propio.
Tampouco se quixo perder este acto Felipe Criado Boado, presidente da Asociación Europea de Arqueólogos e director do Incipit (Instituto de Ciencias do Patrimonio), que formaba parte do equipo de traballo de Rebeca. Felipe agradeceu a labor do actual e do anterior alcalde da Guarda e da propia arquitecta, nunha colaboración que permitiu conxugar ciencia e política, única maneira, afirmou, de dar valor ó realmente importante: os contidos.
Pola súa parte Rebeca Blanco mostrouse emocionada de ver o froito do traballo de moitos anos, que no seu momento presentou tamén en forma de tese doctoral. Tamén explicou un pouco o seu traballo e o funcionamento do Centro, que acolle unha exposición na primeira planta. Esta conta con tres bloques temáticos: o primeiro contextualiza o espazo xeográfico e a construción da fortificación na Guerra da Restauraçao Portuguesa (s. XVII). O segundo bloque está centrado na Guarda, no nacemento e evolución da vila e nos sistemas defensivos que nela se desenvolveron. E por último, un terceiro bloque sobre a fortificación na fronteira entre Portugal e Galicia e as diversas fortificacións existentes. Tratouse de dar forma a unha mostra didáctica e amena, centrada na forza das súas imaxes. Por outra parte, a planta baixa estará adicada a distintos talleres e actividades.
Deste xeito queda inaugurada a terceira pata da Rede de Museos da Guarda xunto ó MASAT, ubicado no Monte Santa Trega e o Museo do Mar. Os tres emprazamentos compleméntanse para ofrecer non só unha ollada ao numeroso patrimonio da Guarda, senón que compoñen un completo percorrido pola historia da vila, dende a Idade do Ferro ata os nosos días.
O concello non pode máis que reiterar os agradecementos expresados na inauguración e convidar a todo o mundo a visitar este Centro de Interpretación, que estará aberto as fins de semanas e os festivos; e o Castelo de Santa Cruz, aberto todos os días o público, un ben do patrimonio da Guarda que paga a pena coñecer.