Máis dun cento de persoas asistiron ao concerto de «Helen & Shanna» na Praza do Seixiños
Música nas Prazas 2019 chegou o pasado venres día 13 de setembro ao seu fin tralos concertos de Caramelo Krew o 14 de xuño na Praza de San Queitano e de Blues do País o pasado venres día 16 de agosto na Praza de Avelino Vicente(As de Copas).
Desta volta foi a quenda de «Helen & Shanna» na Praza dos Seixiños da Gándara, un grupo guardés nado no ano 2013 e que xa ten ofertado numerosos concertos en salas e pequenos festivais en toda Galicia. Cunha forte influencia folk, «Helen & Shanna» recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.
Máis dun cento de persoas asistiron a este concerto que pon o punto e final á programación de Música nas Prazas deste ano, sendo este o cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que contou cun total de 3 concertos nas Prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.
A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición 2018 un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.
O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.