Mariña Lestón estrea a súa nova obra de teatro na Guarda
Nova cita co teatro este xoves no Centro Cultural. Trátase da obra “Costa da morte: cartografía dun naufraxio”, un proxecto de Mariña Lestón en coproducción co Centro Dramático Galego.
Non se trata dunha representación ao uso, pois A Guarda ten o privilexio de ser a localidade da estrea desta obra de teatro. A partir das 20:30h do xoves 5 de xuño a obra comezará a súa xira por diferentes localidades galegas, comezando pola Guarda.
Este drama desenvólvese como unha viaxe sobre a historia do noso mar, a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. Historias sobre naufraxios na Costa da Morte coas que poder viaxar lembrando os que hoxe xa non nos poden acompañar e poñendo en valor tamén, os que quedaron en terra: as viúvas, os orfos, as persoas que socorren… Para que as súas historias non caian no esquecemento.
A obra busca preservar a memoria e tamén pór en valor a riqueza da nosa lingua, pois a representación conta cun uso da fonética propia da área fisterrá e bergantiñá.
Trátase da segunda obra de teatro que acolle o Centro Cultural da Guarda en menos dunha semana, pois o sábado interpretouse a obra “Encrucillados” da compañía Teatro da Apocalipse.