Maxia e circo para o verán da man do programa Cultura no Camiño
Dúas grandes propostas de maxia e circo son a aposta para a programación familiar deste verán na Guarda. O venres 26 de xullo chegará o lexendario Mago Antón co seu magobóbil, unha novidosa proposta, na que o mago quere interaccionar co público da forma mais cercana posible.
O magomóbil instalarase na Alameda durante toda a xornada do venres 26, e realizará 4 pases: ás 12h, ás 19h, ás 20h e ás 21h con prazas limitadas, xa que o espectáculo transcorre no interior do camión, para que así o público poida comprobar que nesto da maxia non existe trampa nin cartón. O acceso ao espectáculo é gratuíto, pero dada a limitación de prazas é necesario inscribirse previamente no seguinte enlace: eventbrite.es ata o día 25. Só en caso de quedar prazas dispoñibles a xente poderá anotarse no propio camión o mesmo día.
O espectáculo Mil maxias máis está dirixido ao público familiar para poñer en valor a nosa lingua utilizando xogos orixinais creados polo mago Antón. Entrar no magomóbil para presenciar Mil maxias máis será como abrir un libro de marabillas, entrar nun mundo fascinante onde todo xira arredor da maxia da palabra.
No mes de agosto, concretamente o venres 16, será o turno para o espectáculo de novo circo, GLAMPNG no Auditorio de San Benito: tres amigos, con tres personalidades e caracteres moi distintos embárcanse na aventura de pasar unhas vacacións xuntos. Pero a convivencia non sempre é cousa fácil e os conflitos toman parte na escena cotiá dos campistas. Todo iso será narrado a través do teatro xestual, a música, acrobacia aérea, danza e swing en clave de clown. Así, cando parece que todo esta perdido…a creatividade xorde abrindo un camiño inesperado.
O programa Cultura no Camiño está promovido dende a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais e ten como finalidade a programación de propostas artísticas variadas para o tempo de lecer naqueles concellos situados nos Camiños de Santiago.