O Centro Cultural da Guarda acolle este venres a presentación do libro “Camiño Portugués da Costa. Busca e atopa no Camiño de Santiago”
O vindeiro venres día 20 de maio ás 20:00 horas o Centro Cultural da Guarda acolle a presentación do libro “Camiño Portugués da Costa. Busca e atopa no Camiño de Santiago”.
Trátase dun libro ilustrado e escrito por Ramón Quintas e Noelia Muíños e publicado por Hércules de Ediciones en tres idiomas: castelán, galego e inglés.
Dirixido aos máis pequenos e ás súas familias, os autores agochan nas páxinas deste libro personaxes célebres, festas tradicionais, monumentos, ingredientes máxicos da gastronomía galega e o Apóstolo Santiago.
Todos os nenos e nenas que acudan á presentación levarán de agasallo un póster de colorear da Guarda.
O libro conta con ilustracións das poboacións do Camiño portugués da costa onde hai un ir e vir de persoas, accións, vehículos, edificios, etc. Mentres se observan os debuxos poderanse buscar e atopar diferentes persoas, personalidades importantes da zona, monumentos… e descubrir en cada mirada unha nova historia. Percorrerase o Camiño a través das paisaxes de cada localidade e descubriranse as diferentes personalidades relacionadas con estes lugares. Algúns exemplos: un castrexo na Guarda, o trovador Mendiño en Redondela ou o loro Ravachol en Pontevedra. En cada parada do Camiño agóchase ademáa o Apóstolo Santiago. ¿Serás quen de atopalo?
Noelia Muiños e Ramón Quintas forman xuntos Papelier, un proxecto de creación de ilustración e deseño con sede en Baiona.
Noelia (Ponte Caldelas, 1986) é licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Con experiencia no ámbito do deseño gráfico e editorial traballou tamén como docente no campo artístico e creativo con nenos e adultos.
Ramón (Gondomar, 1983) é Licenciado en Belas Artes e desenvolve a súa actividade profesional principalmente no ámbito docente con xóvenes e nenos.
Coñecéronse estudando o Máster de Profesorado polo itinerario artístico en Pontevedra e logo emigraron a Austria, onde viviron durante os últimos sete anos. Alí deron forma á marca „Caixa de Mistos“, proxecto de ilustración con colección de papelaría e complementos propios. Baixo este nome realizaron exposicións, participaron en feiras de arte e artesanía, organizaron obradoiros creativos e realizaron numerosos encargos de deseño gráfico e ilustración.
Dende 2018 Caixa de Mistos pasou a denominarse Papelier, tomando toda esa experiencia anterior, pero buscando novos camiños.
O libro sobre o Camiño de Santiago portugués da costa coincide tamén coa volta á terra dos dous autores, que despois da estadía en Austria, decidiron volver para crear dende Galicia.