O ciclo de cinema “made in Galicia” trae o documental ‘Filmei paxaros voando’
Este venres o ciclo de cine galego, con películas “made in Galicia” trae á Guarda o documental “Filmei paxaros voando”
A idea do presente ciclo é amosar unha escolma dos títulos mais recentes no audiovisual galego, un sector en auxe, que cada vez defende maiores propostas de calidade e abrindo as súas producións a temáticas do mais diversas.
“Filmei paxaros voando” trátase dun documental ben recoñecido, pois recibiu o premio Mestre Mateo a Mellor documental e recibiu tamén a mención especial do xurado en L’Alternativa Festival 2024 de Barcelona, onde foi estrado.
O documental conta a historia da directora, Zeltia, quen tras dúas décadas en Barcelona, regresa á súa Galicia natal. Ademais, achégase de novo a súa nai Socorro, unha mulleer conservadora da que se alonxou. É unha historia de reconexión familiar, de reconciliación coa figura materna, pero tamén de descubrimento, onde se mestura a recuperación da memoria familiar coa da memoria histórica dos anos 70-80.
O aclamado documental proxectarase de balde no Centro Cultural da Guarda este venres 30 de maio 20:30h.