O COCIÑEIRO YAYO DAPORTA, PREGOEIRO DA XXV EDICIÓN DA FESTA DA LANGOSTA E COCIÑA MARIÑEIRA
O cociñeiro de Cambados, Yayo Daporta, será o pregoeiro da XXV Edición da Festa da Langosta e Cociña Mariñeira do Concello da Guarda, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo.
Yayo Daporta é un dos chefs máis xoves en conseguir unha Estrella Michelín, polo seu traballo no restaurante que leva o seu nome afincado na vila cambadesa. A súa cociña está definida como unha cociña galega actualizada e está situada na primeira liña da restauración desta terra. Nos seus pratos sempre aposta pola vangarda baseada nos produtos da terra e mar galegos.
O cociñeiro é membro do “Grupo Nove”, asociación que traballa en rede para a promoción da cociña galega a nivel nacional e, por exemplo, colaborou no libro “Rías Baixas, Territorio gastronómico, o que foi galardoado co premio “Gourmand, Best in The World”, o mellor exemplar de gastronomía local do mundo. Pero polo que é máis coñecido, ademais de pola súa cociña, e por formar parte do xurado da segunda edición do programa “Top Chef, xunto os cociñeiros Alberto Chicote e Susi Díaz.
O pregón por parte de Yayo Daporta terá lugar o venres día 3 de xullo, ás 20,00 horas, na Praza do Reló. Comezará coa actuación da Banda de Música da Guarda. Despois a festa trasladarase á carpa instalada no porto.
Ó ser o 25 aniversario da Festa da Langosta e Cociña Mariñeira, a programación será moi extensa e ofrecerá moitas sorpresas ós presentes.