O Concello da Guarda afianza a súa colaboración coa Asociación Española contra o Cancro
Hoxe, é o Día Mundial contra o Cancro, a primeira causa de morte no noso país. Para reducir o seu impacto é fundamental a colaboración de todos e todas.
Por iso, o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, reuniuse na mañá de onte con Pilar Barbosa e Telmo Crespo, delegada do Baixo Miño e coordinador territorial en Pontevedra da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), respectivamente.
Deste xeito afianzarase a colaboración co do Concello coa AECC, quen xa realizou 234 intervencións na Guarda con pacientes oncolóxicos e o seu entorno. O obxectivo principal é diminuír o impacto do cancro na sociedade cun enfoque integral, estando xunto as persoas afectadas e impulsando unha investigación de calidade.
Para iso, a AECC ofrece servizos gratuítos de apoio emocional, rehabilitación da fala, atención social e psicolóxica, préstamos de material (perrucas, cadeiras de rodas…) ou programas de deshabituación tabáquica, entre outras accións. Ademais ofrece un servizo 24 horas no teléfono 900 100 036 para dar información, apoio e asesoramento médico, psicolóxico e social.