O Concello da Guarda e a Asociación Rock´n´Rolla valoran positivamente a Iª edición do Interlude Fest
O venres día 6 de xullo de 2018 o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Cultura, Elena Baz, reuníronse cos representantes da Asociación Rock´n´Rolla, organizadora do I Interlude Fest celebrado o pasado sábado 30 de xuño no Castelo de Santa Cruz.
Nesta reunión valoráronse múltiples aspectos desta primeira edición, de cara a melloralos nas vindeiras edicións, para a consolidación dun evento, que aspira a converterse nunha cita máis do calendario e programacións da axenda cultural de verán do Concello da Guarda.
Este evento multicultural, congregou a máis de dous milleiros de persoas que dende as 11:00h da mañá participaron nas diferentes actividades programadas, cun mercado solidario en colaboración co colectivo solidario Conrazones, mercado de artesanía, así coma probas deportivas un campionato de petanca, xogos populares e actividades para os máis pequenos da casa.
A implicación de veciños e visitantes foi moi boa, superando as espectativas iniciais da organización do evento, achegándose tamén xente de toda a comarca do Baixo Miño e arredores. Durante a xornada contouse coa amenización musical do Trebón dos Xidos e Gaiteiros do Fuscalho.
Xa pola noite, dende as 20:00h os concertos amenizaron esta Iª edición contando coa participación dos grupos Perseide, Tati’s Joplin, Santos Morcegos, Mano de Piedra, Terader, Kuna de Odio, Teseracto e Sulf-atäR.
As actividades foron totalmente de balde e contouse coa colaboración do Concello da Guarda e diferentes casas comerciais.
Tag:A Guarda, festivais, interlude fest, Música