O Concello da Guarda reclama a 2ª Fase da posta en valor do Castelo de Santa Cruz
Este luns estiveron no concello da Guarda dous deputados do parlamento español pola provincia de Pontevedra, Lola Galovart e Guillermo Meijón, nunha reunión de traballo co alcalde e os concelleiros do grupo de goberno da vila para concretar as enmendas que o Partido Socialista presentará en Madrid.
Este luns estiveron no concello da Guarda dous deputados do parlamento español pola provincia de Pontevedra, Lola Galovart e Guillermo Meijón, nunha reunión de traballo co alcalde e os concelleiros do grupo de goberno da vila para concretar as enmendas que o Partido Socialista presentará en Madrid aos orzamentos do Estado sobre temas de interese para A Guarda que sexan competencias do goberno central.
A maioría das demandas do equipo de goberno guardés ao goberno de España coinciden coas de anos anteriores. Reclaman a execución da segunda fase da posta en valor do Castelo de Santa Cruz con cargo ao 1,5% cultural, seguen solicitando o estudo dun sistema sostible de transporte de vehículos e persoas entre España e Portugal e reclaman tamén a finalización dun tramo de senda peonil entre A Guarda e O Rosal como parte do proxecto da senda entre A Guarda e Salvaterra.
Así mesmo, decidiron incluír nos proxectos demandados a Madrid a recuperación medioambiental do entorno da praia da Lamiña. O equipo de goberno solicitou tamén dos deputados que fixeran xestións para conseguir o apoio dalgunha administración que cofinanciase, vía convenio, o proxecto de Dotación de Servizos ao Monte Santa Trega para o cal o alcalde tamén buscará financiación na Deputación e na Xunta.