O libro “Palmeiras, piueiros” de Anxo Angueira presentarase en formato conversas musicalizadas na Guarda
• Será este sábado día 26 de marzo ás 18:00h na Praza Avelino Vicente da Guarda.
• O autor, Anxo Angueira e o Presidente da Asociación Piueiro, Xoaquín Cadilla, falarán neste sobre o libro acompañados pola música de Secho.
• A gaiteira local Nadia Vázquez será a encargada de pechar este acto coa súa espectacular paixón musical
O vindeiro sábado día 26 de marzo a Praza de Avelino Vicente da Guarda será o escenario para un evento literario/musical no cal Anxo Angueira e Xoaquín Cadilla manterán unha conversa sobre o libro “Palmeiras, piueiros”. Este libro xa foi presentado previamente en concellos limítrofes e en diferentes lugares da xeografía galega e do norte de Portugal.
En palabras de Xoaquín Cadilla, Presidente da Asociación Piueiro, “é unha honra ver como se tenta manter no noso léxico, na nosa literatura e na nosa fala, unha palabra como piueiro, que pouco a pouco se vai recuperando grazas a o traballo de persoas comprometidas como é o caso de Anxo Angueira”.
Este acto, que terá comezo ás 18:00h da tarde, contará cun acompañamento musical especial a cargo de Secho, que será o encargado de amenizar un coloquio no que Xoaquín e Anxo conversarán sobre poesía, sobre un libro que fai regresar ao autor á poesía e no que os seus poemas falan do seu lugar natal, da historia cultural da Galicia contemporánea, das súas emocións e dos praceres que produce a escritura.
Para pechar este acto contarase cunha actuación especial da gaiteira local Nadia Vázquez, quen entregará ao público asistente a súa espectacular paixón musical a través das melodías da súa gaita.
Anxo Angueira, nado en Manselle, Dodro, no ano 1961, deixou a súa pegada persoal na poesía galega dende a publicación do seu libro “Val de Ramirás” no ano 1989, seguiron a esta, outras publicacións coma “O valo de Manselle”, “Libro da Vertixe” ou “Fora do Sagrado”, entre outras.
Anxo Angueira foi membro fundador das Redes Escarlatas e desde xuño de 2012 preside a Fundación Rosalía de Castro.