O obradoiro de emprego de albanelería rehabilita a antiga escola de San Lorenzo
O obradoiro de emprego Manuel B. Portela X encara o seu último trimestre de traballo en albanelería. O obradoiro ofrece durante 12 meses formación e emprego de forma simultánea para 20 persoas desempregadas.
Esta edición comezou a finais do ano pasado con dous proxectos como obxectivo. O primeiro deles execútase no mesmo lugar onde se lles imparten as clases teóricas, no edificio da Avenida de Diego Antonio González. Alí, o alumnado ten dúas tarefas principais: a rehabilitación das fachadas e a construción dunha nova saída do edificio, o que implicaba a localización dunhas novas escaleiras.
O segundo proxecto consiste na rehabilitación da antiga escola de San Lorenzo, tanto no exterior como no interior. Un dos principais obxectivos é manter a súa esencia, como o seu característico teito, mais convertendo o edificio nunha construción eficiente enerxeticamente.
Ao finalizar o prazo dos 12 meses, o alumnado recibirá o seu certificado que facilitará a súa busca de emprego e que lles acredita a formación e experiencia durante todo o período.