Peche temporal do albergue municipal da Guarda
O Concello da Guarda pechará o Albergue Municipal de Peregrinos durante as próximas semanas ante a redución do número de peregrinos.
Os meses de menor afluencia de peregrinos son decembro e xaneiro. Os días tan curtos e a maior probabilidade de mal tempo son as razóns polas que os peregrinos evitan realizar o camiño nos meses de inverno. Tamén poden influír as celebracións de nadal.
Aqueles peregrinos que escollen estas datas para camiñar a Santiago buscan precisamente un camiño con pouco tránsito que lles aporte tranquilidade e soidade. Ademais estes peregrinos de inverno adoitar escoller aloxamentos turísticos como hoteis onde dispoñen doutras facilidades como cuartos individuais e unha maior flexibilidade na hora da saída.
Segundo foi avanzando o mes de novembro notouse o forte descenso. Mostra de isto foron os peregrinos rexistrados na Oficina de Peregrino de Santiago con 861 peregrinos chegados de todos os camiños o día 1 de novembro e con tan só 96 peregrinos no día 30.
Durante o mes de novembro no propio albergue municipal houbo 9 días cun só peregrino e outros 9 días sen peregrinos rexistrados de camiño a Santiago.
Aproveitando o peche do albergue realizaranse tarefas de mantemento das instalacións.
Polo que o Albergue Municipal de Peregrinos permanecerá pechado do luns 19 de decembro ata o domingo 15 de xaneiro, abrindo novamente a partir do luns 16 de xaneiro.
Tag:A Guarda, Albergue, Peregrinos, turismo