Posta en marcha do Plan de Compostaxe na Guarda
O Concello da Guarda a través da Concellería de Medio Ambiente está a por en marcha un programa de compostaxe cos obxectivos de:
• Reducir as necesidades de transporte de residuos
• Avanzar cara o cumprimento dos obxectivos fixados na normativa comunitaria e estatal que establecen que os biorresiduos deben ser recollidos separadamente a máis tardar o 31 de decembro de 2023.
• Desenvolver un sistema de xestión de residuos baseado nos principios da economía circular que asegure a eficiencia do uso dos recursos.
• Promover a compostaxe individual nas zonas rurais co propósito de xestionar in situ os biorresiduos xerados.
• Mellorar os resultados de captación do resto das fraccións recollidas selectivamente e facilitar a xestión da fracción resto.
• Fomentar a educación ambiental a través da idea “de residuo a recurso”: a compostaxe de biorresiduos é un proceso que nos permite obter, a partir de residuos orgánicos, un recurso cun gran valor agroecolóxico como é o compost.
Este proxecto estase a desenvolver ao abeiro dunha axuda a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, da Xunta de Galicia.
A pesar da recente posta en marcha do Plan de Compostaxe foron xa moitos os veciños e veciñas interesados en coñecer máis sobre este proxecto, no que se pode afondar máis a través das charlas informativas e formativas nas que se explica non só en que consiste o proxecto, senón tamén algunhas nocións básicas sobre o proceso de compostaxe.