A Praza de Abastos loce os adornos feitos no segundo obradoiro infantil «Decora o teu Nadal»
O pasado sábado tivo lugar na Casa dos Alonso o segundo obradoiro da campaña de decoración de Nadal na vila, adicado aos máis pequenos da casa.
O Concello da Guarda leva varias semanas impulsando a campaña «Decora o teu Nadal», dentro da cal se enmarcan tres obradoiros infantís de decoración propia destas datas para engalanar distintas dependencias municipais. O pasado sábado, 16 de decembro, os cativos e cativas de entre 4 e 12 anos participaron no segundo destes talleres, celebrado na Casa dos Alonso, coa finalidade de decorar a Praza de Abastos.
Os nenos e nenas desfrutaron durante a mañá creando os seus propios e personalizados adornos en forma de pingüíns e figuras de Nadal, para colocar nas varandas da Praza de Abastos.
O último obradoiro deste ano celebrarase o próximo martes 2 de xaneiro, na Casa dos Alonso a partir das 11:30 h, e nel as cativas e cativos prepararán a Recepción Real dos Reis Magos.