Recepción no concello da Guarda ao alumnado guardés campión do Rally matemático europeo celebrado en Toulouse
Os alumnos e alumnas da Guarda que resultaron campións do Rally matemático Europeo celebrado na cidade francesa de Toulouse foron recibidos este martes 7 de xuño no Salón de Plenos do Concello da Guarda.
Os alumnos e alumnas da Guarda que resultaron campións do Rally matemático Europeo celebrado na cidade francesa de Toulouse foron recibidos este martes 7 de xuño no Salón de Plenos do Concello da Guarda.
Alí o alumnado gañador e o profesorado do departamento de matemáticas foi felicitado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba e pola Concelleira de Educación, Elena Baz. Os rapaces e rapazas, de 1º e 4ª da ESO do IES A Sangriña da Guarda, conseguiron impoñerse a competidores de toda Europa na final europea do Rally Matemático e Científico Sen Fronteiras 2016 que se celebrou na Universidade Paul Sabatier de Toulouse o pasado 13 de maio.
No transcurso do acto os profesores salientaron que algúns dos seus compañeiros o fixeron igual de ben no campionato, pero que só podía pasar á final un grupo por categoría de cada centro educativo.
O alcalde e a concelleira quixeron recoñecer a estes sobresaíntes alumnos pola súa dedicación e polo logro acadado. Tamén destacaron o bo facer a nivel educativo na localidade, xa que durante tres anos consecutivos os alumnos e alumnas do IES A Sangriña levan acadado a elite matemática europea. Ademais o alcalde, profesor de profesión, amosou a súa ledicia por recibir ao brillante futuro da vila e bromeou cos alumnos, a moitos dos cales coñece ben das aulas.
Pola súa parte os profesores agradeceron ao alcalde e á concelleira a axuda e o apoio recibido dende o concello da Guarda que fixo posible acudir á competición e aseguraron que o vindeiro ano volverían ao campionato, de seguro para colleitar moitos máis éxitos.