Segundo faladoiro de Diálogos en Educación co profesor da USC Quintín álvarez
Un ano máis, durante os meses de verán, volven os faladoiros sobre educación ao patio do vello colexio dos PP. Xesuítas en Camposancos. Unha actividade promovida polo Concello da Guarda coa colaboración da Universidade da Coruña.
Un ano máis, durante os meses de verán, volven os faladoiros sobre educación ao patio do vello colexio dos PP. Xesuítas en Camposancos. Unha actividade promovida polo Concello da Guarda coa colaboración da Universidade da Coruña.
Como na edición anterior, un grupo de profesores das tres universidades galegas tomarán parte nun faladoiro aberto a todo o público, que se celebrará cada tarde de xoves. Temas como a educación das emocións, a vocación docente, a conciencia ambiental, a reflexión sobre a diversidade de xénero ou a formación para o traballo serán algúns dos temas conducidos polos respectivos profesores e profesoras convidados.
“Diálogos en Educación” naceu como unha actividade aberta e participativa que promove o debate e a reflexión sobre diferentes temas de actualidade no ámbito educativo, de interese para os participantes, máis alá dos que se dedican á profesión docente.
O segundo faladoiro celebrarase o vindeiro xoves, 7 de xullo, ás 20 horas, conducido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago Quintín Álvarez Núñez, baixo o título “Unha educación para o século XXI: a Pedagoxía Sistémica”.
Quintín Álvarez Núñez é Doutor en Ciencias da Educación. Máster en Pedagoxía Sistémica. Profesor Titular na Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do Grupo de investigación Stellae. Membro Didacta da Asociación Española Bert Hellinger de Constelaciones Familares (AEBH) e ex-vocal da súa Xunta Directiva. Con formación en: Constelacións familiares, Psicoterapia Gestáltica, Eneagrama, PNL e outras técnicas de grupo.
Os catro campos aos que se ten dedicado profesionalmente son: a Organización de Centros Educativos, a Comunicación Interpersoal e Educativa, a Dinámica e Técnicas de Grupo e a Acción Socioeducativa coa Infancia e a Xuventude. Nestas áreas participou en proxectos de investigación e ten realizado diversas publicacións, entre os que destaca o libro: “la comunicación relacional y la interacción profesor-alumno.” Imparte conferencias, cursos, másters, post-grados e seminarios sobre estes temas e sobre a Pedagoxía Sistémica e as aplicacións das constelaciones sistémicas aos campos familiar, social e organizacional.