SÁBADOS, DOMINGOS, FESTIVOS E DÍAS DE PONTE
Inverno ( 15/09 – 15/06 )
de 11.00 a 14.00 hrs. e de 16.00 a 19.00 hrs.
Verán ( 15/06 – 15/09 )
de 11.00 a 14.00 hrs. e de 18.00 a 21.00 hrs.
O Museo do Mar sitúase no Porto da Guarda, ó final do Paseo Marítimo, na réplica da antiga Atalaia.
Alberga unha colección etnográfica de aparellos e artes de pesca que foi recompilada pola agrupación naturista ANABAM (Asociación Naturista do Baixo Miño) e unha colección malacolóxica composta por máis de 18.000 cunchas marinas recollidas por Ignacio Navarro.
En abril do 2009 o museo abre as súas portas ao público, podendo ser visitado os fins de semana, festivos e pontes.
O museo do mar quere ser unha referencia na recuperación e salvagarda do patrimonio mariñeiro do Baixo Miño. E por tanto, o museo atópase aberto para todas aquelas persoas que, vinculadas co mundo do mar e a pesca, estén interesados na doazón ou cesión de pezas, así como a transmitir a súa experiencia co mundo do mar podendo colaborar na divulgación deste patrimonio.
A Atalaia
A Atalaia é unha edificación militar, que ubicada na contorna do agora dique sur, fora levantada polos portugueses no ano 1666 no contexto da Guerra de Restauración (1640-1668). Abandonada e destruida definitivamente no 1943 coas obras de ampliación do porto, a edificación que hoxe atopamos, no outro extremo do porto, foi realizada pola Escola Taller da Guarda no 1997, para que perdure a memoria deste símbolo, signo destacado no escudo da Guarda.
A construcción orixinal foi concebida para a defensa do porto guardés durante a ocupación portuguesa da nosa vila. Unha cámara abovedada facía as veces de polvoreira, e circundada por unha galería e unha plataforma superior onde se emprazaba a artillaría e a garita do sentinela.
En 1779 foi reedificada para facer fronte ás incursións de piratas africanos e no período de 1804 a 1808 funcionou como batería defensiva que protexía aos barcos corsarios españois que atacaban aos buques ingleses que comerciaban con Portugal e viñan ao porto guardés a refuxiarse.
O Acceso
A visita ten un prezo de 1€ para os adultos e 0,50€ os nenos menores de 14 anos. O primeiro sábado de cada mes e o día 18 de maio, Día internacional dos museos, a visita é gratuita.
O noso persoal completa a información de paneis e pezas coa explicación da historia da nosa vila e das nosas tradicións mariñeiras.
A visita tamén está dispoñible para grupos concertados, contactando previamente co Departamento de Cultura.