“Visita A Guarda na Ponte da Constitución” nova campaña para dar a coñecer a nosa vila
Os visitantes e turistas, que escollen A Guarda, percorren o noso territorio grazas ás rutas, gozan da nosa natureza no Esteiro do Miño, visitan o Monte Santa Trega, descobren a vida mariñeira no porto e no Museo do Mar e degustan a nosa gastronomía e produtos locais.
Para completar a visita a estes recursos e para que veciños e visitantes coñezan en detalle o noso patrimonio e historia ofreceranse visitas guiadas de balde coincidindo co días principais da Ponte da Constitución.
Para esta campaña especial as visitas guiadas centrase nos dous grandes referentes da Guarda: o Monte Santa Trega e o porto pesqueiro xunto co casco antigo.
Visita guiada ao Castro Santa Trega
O Monte Santa Trega é un dos recursos máis destacados de Galicia e un dos exemplos mellor conservados da Cultura castrexa.
Esta visita guiada comeza ás 12:00h e conta cunha duración máxima dunha hora e centrase no valor arqueolóxico da zona escavada do Castro de Santa Trega.
O punto de encontro é a Casa Forestal que se atopa despois de cruzar o castro, alí pódese aparcar o vehículo.
A ruta, de menos dun quilómetro, percorre o Barrio Mergelina e remata nas vivendas reconstruídas o que permitirá coñecer en detalle a Cultura Castrexa e como vivían estes castrexos no Trega xa hai máis de 2.000 anos.
O prezo por acceso ao monte en vehículo non está incluído nesta actividade.
Recorre o casco antigo e porto pesqueiro
A Guarda é unha vila mariñeira que creceu en torno á pesca e, polo tanto, o seu porto. A novidade para esta ponte é a oferta desta visita guiada que trasladará aos visitantes ao pasado medieval da vila.
Esta visita comeza ás 17:00h na Praza do Reló, xunto a Oficina Municipal de Turismo, e grazas a explicación desta praza poderase coñecer unha parte importante da historia da Guarda. O percorrido inclúe os edificios relixiosos do casco antigo como a Igrexa Parroquial e o Convento de San Benito, os puntos máis antigos como rúa Colón ou Malteses, e amosarase a importancia na historia deste porto pesqueiro.
Estas visitas guiadas realizaranse os días mércores 6, xoves 7, venres 8 e sábado 9 de decembro e non precisan inscrición previa. Os interesados tan só terán que presentarse minutos antes do comezo da visita.
Ademais con motivo da Ponte da Constitución a Rede de Museos da Guarda conta cunha apertura ampliada:
- MASAT (Museo Arqueolóxico). Do martes ao domingo: 10:00 a 19:00h
- Museo do Mar. De mércores a domingo (excepto xoves 7/12): 11:00 – 14:00 / 16:00 -19:00h
- Castelo de Santa Cruz: Espazo público aberto todos os días: 10:00-18:00h.
Por último, recordar que a Oficina Municipal de Turismo contará tamén cun horario especial e estará aberta de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30h. Tamén pódese consultar no mail a turismo@aguarda.es ou no tel. 986 61 45 46.