A Barferencia «As Paisaxes do Sal na Costa Atlántica» terá lugar o vindeiro xoves na Guarda
O vindeiro xoves día 27 de decembro a Cafetería Alameda acolle ás 20:30h a segunda Barferencia de Inverno 2018, onde contarase coa presenza de Brais Currás e Mar Cortegoso, que falarán sobre as Paisaxes de sal na Costa Atlántica, ámbolos dous participaron e coordinaron as escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente nas Salinas do Seixal baixo o Proxecto “A Guarda, Mar de Sal”.
O avance das escavacións foi extraordinario e, pouco a pouco, saíron á luz moitas partes deste complexo salineiro do Seixal, coma as estruturas que delimitan as zonas de cristalización do sal e os pavimentos.
«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se leva a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.
O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.
As escavacións das salinas da Guarda, puxeron de relevancia a importancia destas Salinas para o Imperio Romano e que estas forman parte dun complexo moito maior, o maior documentado do Imperio Romano.
Tag:A Guarda, Barferencias, cultura, Patrimonio, salinas