A Guarda acolle o 7 de abril a -Baixo Miño Enduro Experience-
A Guarda prepárase para acoller o vindeiro domingo día 7 de abril a primeira proba de Enduro da zona, a “Baixo Miño Enduro Experience”, unha proba deportiva na que se combina a habilidade técnica do DH(Descenso) e a resistencia física do XC(Rally).
Durante o percorrido desta proba os participantes terán que superar desniveis considerables, alternando tramos de enlace con tramos cronometrados entre as localidades da Guarda e do Rosal.
A “Baixo Miño Enduro Experience” é unha proba puntuable no Open de Galicia de Enduro e ten a particularidade de ter 5 tramos cronometrados cun percorrido que se realiza nun entorno idílico para a práctica da disciplina de Enduro, cunhas paisaxes espectaculares co río Miño, a Costa e o Porto da Guarda, os Castros de Santa Trega, o Rosal e os seus viñedos e a desembocadura do Miño.
Os participantes sairán ás 8:30h dende a Alameda da Guarda para dirixirse ata o Monte Terroso, onde realizarán os primeiros tres tramos cronometrados, dende alí desprazaranse ata o Monte Santa Trega, onde realizarán os seguintes dous tramos cronometrados, rematando na Praza de San Bieito, onde se realizará a entrega de premios.
Agárdase unha participación que podería roldar os 200 participantes.