A Guarda acollerá os Obradoiros de Investigación Arqueolóxica “Telearqueoloxía 2016”
O MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega da Guarda, acollerá os vindeiros xoves e venres, días 9 e 10 de xuño, dous obradoiros de investigación Arqueolóxica dentro do proxecto “Telearqueoloxía 2016”.
O MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega da Guarda, acollerá os vindeiros xoves e venres, días 9 e 10 de xuño, dous obradoiros de investigación Arqueolóxica dentro do proxecto “Telearqueoloxía 2016”.
Trátase dunha iniciativa cofinanciada pola FCYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) e a Deputación de Pontevedra, cuxo obxectivo principal consiste en poñer en valor un conxunto de traballos de investigación en formato audiovisual sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia de Pontevedra. Baséase no concepto de arqueoloxía en comunidade onde a participación dun público diverso cobra un gran protagonismo.
A primeira das actividades, que ten lugar o xoves día 9 de xuño ás 19.00 h., é un obradoiro formativo no que o público asistente aprenderá a realizar unha investigación e a comunicala mediante o formato audiovisual. Na xornada explicaranse os aspectos máis salientables á hora de realizar unha investigación, tanto a nivel xeral, como específico, con exemplos prácticos aplicados ao patrimonio arqueolóxico.
Na segunda xornada de “Telearqueoloxía 2016”, o venres 10 a partir das 16.00h., desenvolveraseun obradoiro de videoinvestigación no que se pretende formar aos participantes na creación de vídeos con dispositivos de gravación a nivel usuario (móbiles, tabletas, cámaras ), así como na edición de vídeo.
Todos os interesados en asistir poden inscribirse mediante un correo electrónico dirixido a telearqueoloxia@depo.es. Para máis información sobre o proxecto (categorías, premios, prazos de presentación…) poden visitar a páxina web http://telearqueoloxia.museo.depo.es ou chamar ao teléfono do MASAT 690017038.