A GUARDA CELEBRA O DÍA EUROPEO DO MERCADO CUN SHOWCOOKING E UNHA VISITA POLA PRAZA DE ABASTOS
Este sábado conmemórase o Día Europeo do Mercado e o Concello da Guarda, dentro da campaña “Come o Mar” promovido por “Mar Galaica”, organiza diversas actividades dentro da Praza de Abastos.
A partir das 11,30 horas comezará unha visita guiada polos diferentes postos da praza. Neste percorrido cada un dos tendeiros mostrarán ós participantes os seus produtos de gran calidade e chegados directamente do mar e da terra ó mercado da vila.
Tras a visita terá lugar un “showcooking” no que se elaborarán diferentes receitas, todas baseadas en produtos chegados da nosa costa ás cociñas. Nesta actividade, ademais de mostrar singulares elaboracións, tamén se ensinarán a variedade de posibilidades que ten un mesmo produto.
Todo aquel que queira participar nesta actividade debe anotarse, xa que as prazas están limitadas a 25 persoas. Os interesados poden inscribirse a partir de hoxe na Casa do Concello. Se o sábado as prazas non estiveran cubertas e hai algunha persoa con ganas de participar neste evento, podería anotarse ese mesmo día.
Por outra banda, con motivo tamén do Día Europeo do Mercado, a Xunta de Galicia repartirá, coma no resto de prazas da comunidade, agasallos ós usuarios dos postos da Guarda. Entre os obsequios haberá, por exemplo, bolsas, caramelos ou globos.
O obxectivo que ten esta campaña é achegar as prazas de abastos á xente e mostrar a calidade e a frescura dos produtos que nesta se atopan.