A Guarda condena o ataque vandálico contra as Salinas do Seixal
Fai uns días se tivo constancia dun ataque vandálico contra os paneis informativos instalados nas Salinas do Seixal na costa da Guarda.
O Concello da Guarda, a través da Concelleira de Patrimonio, Montserrat Magallanes, ven de facer público a súa condena en contra deste ataque contra o patrimonio da vila da Guarda, realizado nas explicacións en lingua galega do panel.
Estes paneis foron instalados a finais do ano 2019 como parte do proxecto “A Guarda, Mar de sal. Posta en valor das salinas romanas do Seixal e Camposancos”.
Ao longo dos vindeiros días agárdase poder recuperar este panel, que está a disposición de todos os veciños e visitantes ao igual que os que se instalaron nas Salinas da Lagoa e do Puntal en Camposancos.
O proxecto «A Guarda, Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.
O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.
Tag:A Guarda, Patrimonio, salinas, seixal, vandalismo