A Guarda contará cun Obradoiro de Emprego Dual
• Trátase do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII, orientado á atención sociosanitaria en institucións e á promoción turística local e información ao visitante.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de anunciar a concesión para o Concello da Guarda dun novo obradoiro de emprego de formato dual, trátase do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII, orientado á atención sociosanitaria en institucións e á promoción turística local e información ao visitante.
Este novo obradoiro, que comezará agora co seu proceso de selección para iniciar as actividades formativas no vindeiro mes de outubro, contará con 20 de participantes, dez en cada unha das modalidades.
Todas as persoas que participen no obradoiro beneficiaranse dunha formación específica durante os próximos nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto, e ademais poderán optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.
Trátase dun programa de formación moderno, dual, orientado a desempregados, para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses. Esta formación contribuirá tanto ao seu beneficio persoal, mellorando a súa capacitación, como ao da comunidade.
Esta acción formativa conta cun orzamento de 347.000 euros.