A Guarda contará cun Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais (PMPDIF)
O Concello da Guarda acaba de recibir o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, e nas vindeiras semanas someterase a aprobación provisional, coa posterior exposición pública e audiencia dos interesados ( veciños e comunidades de montes) que poderán consultar e incorporar as alegacións que estimen pertinentes.
O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais elabórase, en cumprimento do establecido na Lei 3/2007, co obxectivo de definir a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas.
O fin principal é o de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas, para iso é necesario ter as franxas definidas e poder requirir a súa limpeza aos propietarios. Os titulares das parcelas incluídas nesta rede de faixas secundarias, localizadas arredor dos núcleos de poboación, vivendas illadas ou edificacións están obrigados a xestionar a biomasa forestal.
A biomasa en ditas franxas deberá estar xestionada antes da finalización do mes de maio de cada ano, é dicir, sen eucaliptos, acacias, piñeiros, silvas, toxos, fentos, etc. favorecendo a descontinuidade vertical e horizontal destas. Dita xestión será de obrigatorio cumprimento polos propietarios destas parcelas e, no suposto de incumprimento, a administración pública competente, de oficio ou a solicitude de persoa interesada, enviará á persoa
responsable unha comunicación no que se concederá un prazo de quince días para a execución da mesma, con apercibimento de execución subsidiaria con repercusión dos custos da xestión, e no seu caso, comiso das especies prohibidas, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador.
A elaboración deste plan xorde a partir da adhesión do Concello da Guarda no 2019 ó Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.