A Guarda continúa coa mellora e humanización da Rúa da Cal
O concello da Guarda está a executar a fase 3 das obras de mellora e humanización da rúa da Cal. Estas obras de modernización estanse a acometar no tramo que vai pola parte superior da circunvalación ao monte Trega.
O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, visitu as obras que se están a acometer, xa nunha fase final de colocación das pedras da capa de rodadura na zona diante da Fonte-Lavadoiro da Cal, un conxunto patrimonial ao que se lle quere dar un valor especial aproveitando esta actuación.
Tal e como se anunciara no acto do centenario da construción do lavadoiro da Fonte da Cal, en decembro do ano pasado, realizouse un empedrado para por en valor o conxunto da Fonte-Lavadoiro da Cal e cruceiro, mantendo o resto da urbanización o mesmo tipo de estética da vía.
A Fonte Lavadoiro da Cal do barrio da Cruzada, foi construída no ano 1921 por suscripción que iniciou en Puerto Rico don Brasilino Álvarez Sobrino, fillo deste barrio da vila guardesa e constitúe un elemento patrimonial de gran valor, que con estas obras se pon en valor e se mellora o seu conxunto.
O equipo de goberno local continúa deste xeito coas tarefas de humanización e embelecemento das rúas do casco urbano, aproveitando tamén para renovar as redes de servizos, como: subministro de auga, saneamento e telecomunicacións.
O proxecto desta obra alcanza os 96.000 € e está financiado con cargo ao Plan concellos da Deputación de Pontevedra.
Tag:A Guarda, humanización, mellora, Obras, rua da cal