A Guarda convida a empresarios/as e comerciantes a participar na programación de «Comercio Innova Plus»
O Concello da Guarda inicia este mércores unha serie de actividades enmarcadas na Campaña «Comercio Innova Plus», encamiñadas a que o comercio coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.
Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou o pasado 27 de xuño e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.
Deste xeito o mércores día 14 de Novembro terá lugar na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda a primeira actividade sobre «Utilización Práctica de Instagram», en horario de 15:30h a 16:30h. Nesta sesión os participantes coñecerán e lle sacarán o máximo rendemento a Instagram, unha das redes sociais con maior aumento de usuarios no pasado ano e que aporta un novo xeito de promocionar produtos e negocios.
A segunda sesión terá lugar o xoves 15 de Novembro na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda en horario de 15:30h a 16:30h, onde os participantes coñecerán a «Utilización Práctica de Facebook», unha rede social amplamente empregada por usuarios particulares e empresas e que constitúe hoxe en día unha comunidade global de usuarios onde poder ofertar e promocionar os produtos e servizos das empresas.
Despois destas dúas sesións prácticas realizaranse 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se contará con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas.
A primeira charla terá lugar o luns 26 de novembro en horario de 15:00h a 16:45h na Casa dos Alonsos, que baixo o título de «Conquistando clientes: Innovacións en comunicación e canles de venda» contará coa ponente María Regueiro Portos, Licenciada en C.C da Información e Executive Master en Dirección Comercial e Marketing, posúe experiencia de máis de 20 anos traballando para empresas como Coca-Cola, Citroën España ou Estrella Galicia.
A segunda charla realizarase na Casa dos Alonsos o luns 14 de xaneiro en horario de 15:00h a 16:45h e que versará sobre «Novas tendencias en deseño de espazos comerciais», nesta charla contarase coa presenza de Juan Morandeira Vázquez, CEO de Space-Indesign Interiorismo. Responsable de Imaxe de Marca de Caramelo durante 8 anos.
O luns 21 de xaneiro terá lugar a charla sobre «Innovación no cara a cara co cliente», unha charla que realizarase na Casa dos Alonsos da Guarda en horario de 15:00h a 16:45h. Neste caso a ponente será Fátima Rodríguez Marcos, Licenciada en Psicoloxía, formadora e desde fai 4 anos ao fronte de Talentea, unha consultora adicada, entre outros, ao deseño e execución de proxectos sobre dinamización comercial.
Para rematar a programación de «Comercio Innova Plus» o luns 28 de xaneiro terá lugar na Casa dos Alonsos unha charla sobre «Compartindo Talento: Xuntos chégase máis lonxe» a cargo de Mariem Filgueira Pérez, Licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de Proxectos de Consultoría e Innovación en Sherpa Empresarial.
A campaña conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.
Tag:A Guarda, Comercio, Innovación, Plan Concellos