A Guarda despide o Entroido 2022 cun multitudinario e colorido Desfile
• Neste 2022 retomose o Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos e realizouse unha programación de actividades pensada para as crianzas e as familias.
Tras a obrigada interrupción do ano 2021 pola pandemia da COVID-19, A Guarda retomou este ano a programación de Entroido, que finalizou este domingo co Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos.
Na Alameda da Guarda sucedéronse cada día actividades de corte sinxelo, que buscaron fuxir de aglomeracións sen deixar de achegarnos a música e o humor como ingredientes principais do Entroido.
Reservouse tamén un espazo para o tradicional baile de entroido cunha proposta moi especial, o espectáculo ENTROIDANZAS que da man da compañía Pesdelán fixo un percorrido polas músicas e danzas de Entroido de todo o mundo.
Para pechar a programación este domingo tivo lugar un multitudinario Desfile de Entroido no que participaron máis de 300 persoas nas diferentes comparsas e grupos, aprazado pola climatoloxía adversa do martes día 1 e que saíu coma todos os anos dende a Esquina Famosa ás 17:30h da tarde cunha compensación económica fixa para os dezaseis primeiros participantes nas categorías de Carrozas, Comparsas ou Grupos.
Este ano, no Desfile de Entroido, contouse coas comparsas Fuscastrexos, Queen, Georgie Dann, Vikingos Valhala, Queimando Roda, Parodia Sanitaria, Ldanzteka, a Fábrica de xoguetes, Misturando Raíces, A nosa terra, Os da Foz e o grupo A segunda niñez.