A Guarda inicia o vindeiro luns as obras de mellora na Praza de Abastos
O Concello da Guarda informa do inicio das obras de reforma da Praza de Abastos, que se suma ás melloras xa realizadas nos pasados anos e que recolle traballos de eliminación de barreiras, mellora e conservación e equipamentos. O comezo das mencionadas obras será o próximo luns 1 de abril.
O Concello da Guarda vai a executar unha serie de actuacións na Praza de Abastos do municipio que consistirán na adaptación total en termos de mobilidade e accesibilidade,.
As actuacións previstas en instalacións consisten na colocación de portas automáticas nos accesos dende a rúa Xulián López e Concepción Arenal, así coma a construción duns aseos accesibles na planta superior e a reforma dos baños existentes.
Recuperarase ademais a antiga bóveda de canón da porta de acceso norte, na rúa Xulián López, para realzar o valor arquitectónico orixinal dun edificio característico da vila.
O edificio da Praza de Abastos data do ano 1921, aínda que xa se realizou unha ampliación e reforma no ano 1955, sendo un dos focos comerciais de maior interese do municipio con varios postos de carnes, peixes e mariscos, froitas e hortalizas, etc.
Tag:A Guarda, Obras, Praza de Abastos