A Guarda mellorará a seguridade viaria no entorno da Sangriña
O Concello da Guarda ven traballando dende fai tempo nun proxecto integral para a mellora da seguridade viaria na zona da Sangriña, un espazo no que se atopan diferentes equipamentos educativos, deportivos e de servizos como o CEIP e IES A Sangriña, o Campo de Fútbol, o Pavillón Municipal, entre outros.
As actuacións levaranse a cabo no Paseo de Portugal e no viario de acceso ao Pavillón Municipal con zonas de aparcamento, dous novos pasos de peóns, novas beirarrúas, así como dúas glorietas que permitirán mellorar a seguridade vial e facilitar a circulación de vehículos. O proxecto inclúe a reserva de prazas de estacionamento para discapacitados e autobuses para deixada e recollida dos alumnos e alumnas dos centros educativos.
Esta actuación ven a solventar un problema de seguridade viaria e peonil, urbanizando unha zona cunha gran concentración de persoas, maioritariamente nenos e nenas que asisten aos centro educativos e ás instalacións deportivas, cun tráfico medio de 400 vehículos diarios.
O proxecto tamén permitirá renovar as tubaxes da rede de abastecemento de augas, así como a de augas fecais e a instalación de sumidoiros e canaletas para as augas fluviais, así coma tamén a renovación do alumeado existente na zona de actuación e a rede de telecomunicacións.
O prazo estimado de execución destas obras é de 9 meses, cun custe total de 867.680,97€ IVE engadido, tendo en conta tamén as expropiacións que se teñen que realizar.