A Guarda, nova parada de Nós Diario para celebrar o número 1.000
- A directora de Nós Diario, María Obelleiro, estará este xoves 23 na Casa do Concello da Guarda nun novo encontro aberto ao debate para falar dos 1.000 números editados do xornal.
E xa van mil. Nós Diario, o único xornal impreso en lingua galega, sacou do prelo o pasado sábado 11 de novembro o seu exemplar número 1.000, un fito que non sería posíbel sen os centos de persoas subscritoras que confían nun xornalismo independente, rigoroso, plural e, sobre todo, pensado por e para Galiza. Co gallo desta efeméride, a empresa editora, Sermos Galiza S.A., pon sobre a mesa o ambicioso reto de lograr outras mil subscricións máis para afortalar o proxecto e permitir que Nós Diario, como fixo imparabelmente desde o seu nacemento en xaneiro de 2020, siga medrando.
“O futuro pasa por lograr máis apoios nun contexto marcado pola exclusión á que a Xunta da Galiza segue a someter o único diario en papel en galego, a quen trata de afogar economicamente cunha política de axudas clientelar e excluíndoo das grandes campañas de publicidade”, afirma a directora do diario, María Obelleiro, que este xoves, 23 de novembro, participará nun novo encontro aberto ao debate para presentar o proxecto na Guarda, acompañada de Xoán Colazo, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., e Joaquín Cadilla, mariñeiro.
A cita comezará ás 20 horas no Salón de Plenos do Concello, na praza do Reloxo guardesa. Obelleiro, como vén facendo no último mes en diferentes localidades do país, presentará ao público asistente o proxecto de Nós Diario, o que significa na actualidade ter un medio que “saque do ostracismo temas de actualidade que os poderes públicos, nomeadamente a Xunta, queren agochar”, e os retos de cara ao futuro.
Tag:A Guarda, nós diario, xornalismo