A Guarda oferta un Curso de Inglés para empresas de hostalaría e aloxamento
O Concello da Guarda oferta unha nova actividade de formación especialmente dedicada a empresas do sector da hostalaría e do aloxamento, co obxectivo de mellorar a calidade da atención aos clientes destas empresas.
O curso, totalmente de balde, terá comezo no mes de novembro e as inscricións están abertas ata o vindeiro 23 de outubro na Oficina de Turismo do Concello da Guarda, na Praza do Reló, chamando ao 986 61 4546 ou no enderezo electrónico turismo@aguarda.es
As clases terán lugar no antigo colexio Sinde da Rúa Puerto Rico todos os mércores en horario de 17:00h a 19:30h ata o 18 de decembro, cun total de 20 horas lectivas.
O inicio e presentación do curso será o 5 de novembro, unha boa oportunidade para mellorar a lingua inglesa, cunha temática enfocada ao sector da hostalaría e dos aloxamentos, que permitirá aos participantes mellorar o seu vocabulario e a atención aos seus clientes de fala inglesa.